22 de dec. de 2010

Obradoiro de son



Xa vos podedes inscribir no obradoiro de son do vindeiro martes. Será ás 18.00h na Sala 3 dos locais de ensaio. Coma sempre, é de balde e terán preferencia os usuarios dos locais.
En "Como facer soar unha banda", trataremos as ferramentas indispensábeis para comezar a usar un home studio, comentaremos os usos máis comúns que lle podedes dar, ademais de introducir unhas nocións mínimas de como facer soar a túa banda cando tocas nun bar se non tes apoio técnico.
Apuntádevos pronto, as prazas son moi limitadas!!
Podedes formalizar a vosa inscrición desde aquí.
De terdes calquera problema coa inscrición, seguir os pasos que aparecen arriba, en "como inscribirse nos obradoiros?"
Share:

18 de dec. de 2010

ENCHUFADOS!!, unha noite inesquecíbel


Onte na sala O Túnel, no Coliséum, tivemos o primeiro festival ENCHUFADOS!! dos locais de ensaio. É destacábel a afluencia de público desde o comezo do evento, o que fixo que fose subindo a temperatúra da sala, ademáis dos decibelios!!.
Desde a organización, temos que lle dar as grazas ...

- Ao público, por esgotar os 700 convites en 3 días, e apoiar aos grupos como merecían, tanto por achegarvos a pé do escenario a darlles o voso apoio, como por cantar as versións que sabiades e aplaudir cada tema coma se fose o última.
- Aos grupos, por facilitardes tanto a realización do evento e deixar a pel no escenario.

Ademáis, querémosvos agradecer aos usuarios e usuarias dos locais que vos achegastes ao Túnel ver os vosos compañeiros e recordarvos que isto foi só a primeira edición!!.

Almakoa tiveron a honra (e tamén a difícil tarefa) de abriren o festival


Distrito 81 acenderon os amplis do festival

La Dance e a súa proposta de Pop electrónico. AVISO: disco á venda!!

Venus on fire deleitaron os fans do movemento Paramore

... e chegou o momento de Carretera Comarcal e súa lexión de fans
Los hierba seca ensináronnos o seu bo Rock ... e como facer skate enriba dun subwoofer!!

Drinking zaps deron caña!!

A xente desfrutou coas versións de Warning!


Por quén dobran as campanas? Tremendo o Metal dos Crash broken (ou eran os Broken crash??)


Para rematar a festa... o nu-metal de Avézar.



Fotos: Patricia Lesta
Share:

14 de dec. de 2010

Convites para o festival ENCHUFADOS!!



Desde hoxe pola mañá podedes facervos cos convites para o festival deste venres.
Recordade que os puntos de recollida son: o despacho de billetes da praza de Ourense, o CMIX do Fórum Metropolitano, e os mesmos locais de ensaio.
Daranse un máximo de 4 convites por persoa, e dada a cantidade de consultas sobre este tema nos últimos días ... BULE A RECOLLER A TÚA QUE SE ESGOTAN!!!!
Share:

10 de dec. de 2010

invitacións


Debido ás moitas consultas recibidas pola recollida das invitacións, informámosvos de que poderedes comezar a retiralas a partir de principio da vindeira semana (previsibelmente non antes do luns pola tarde).
De todos os xeitos, avisarémosvos tanto mediante o blogue como a través das redes sociais cando cheguen aos puntos de recollida: CMIX (Centro Municipal de Información Xuvenil: Fórum Metropolitano do parque Europa), despachos de billetes da praza de Ourense e locais de ensaio.
Share:

2 de dec. de 2010

ENCHUFADOS!!



O festival "ENCHUFADOS!!" celebrarase na sala O Túnel do Coliséum o día 17 de decembro.
Participarán 11 grupos e un total de 48 músicos. Comezará puntualmente ás 20.00h (apertura de portas media hora antes).
Poderase ver o traballo destes grupos nos locais de ensaio, de xeito continuado, ao longo das 5 horas que durará o festival.
Para asistir, só fai falta que retires a túa invitación nos despachos de billetes da praza de Ourense, no CMIX (Centro Municipal de Información Xuvenil: Fórum Metropolitano do parque Europa), ou nos mesmos locais de ensaio (xa vos avisaremos cando estean dispoñibeis!).
Esta é unha boa forma de ver o traballo dos grupos usuarios dos locais e de apoiar os novos grupos da cidade desde os seus comezos, nunha das mellores salas de concertos do país.

Share:

27 de nov. de 2010

Masterclass de Rubén Barros


Hoxe tivemos unha mañá moi produtiva nos locais. Á parte dos grupos que quedaron traballando na súa música nas salas de ensaio, un nutrido grupo de guitarristas (e algún que non é guitarrista tamén!) marchamos até a sala O Túnel e, ben guiados por Rubén Barros, aprendemos cousas importantes sobre as diferentes ferramentas que hai á disposición de este marabilloso instrumento para acadar un son preciso e persoal.
Share:

24 de nov. de 2010

Temario da Masterclass de guitarra eléctrica


Facilitámosvos o contido da masterclass que este sábado dará Rubén Barros:


Prólogo -  Pequenas nocións de acústica
 . ¿Qué é a Frecuencia? (definición de nota musical)
 . Umbral de audición
 . ¿Qué é o estéreo? (direccionalidade)
 . ¿Qué é o timbre? (espectro armónico)
I - Tipos de guitarra: Acústica/clásica. Electroacústica. Eléctrica
 . ¿Cómo soa unha guitarra?
 . Micro vs Piezo vs Pastilla

 II - Tipos de amplificación
 . Amplificación xeral
 . Amplificación guitarra eléctrica
 . Emuladores
  III - Partes do amplificador de guitarra
 . Preamplificador (Distorsión e EQ)
 . Etapa de potencia (Watios e Decibelios)
 . Altofalante (Ohmnios e pulgadas)
 . ¿Válvulas ou Transistores?

IV - Efectos
 . Dinámicos: Compresor, Porta de ruido, Pedal de Volume, Trémolo
 . Modulación: Chorus, Flanger, Wah, Phaser
 . Repeticion: Delay, Reverb, Loop
 . True bypass
 . Analóxico vs Dixital

V - Conceptos prácticos
 . Volumen e dinámicas nun grupo
 . Ecualización nun grupo vs só
 . Cómo tocar con/sen efectos
 . A importancia dos “arranxos”
 . Acústica de salas/locais de ensaio (sonorización)
 . PA e monitoraxe

VI - Dudas e Preguntas/Debate

Recordade que será este sábado ás 11.00h na sala O Túnel do Coliséum, e que podedes facer a inscrición desde aquí.
Share:

19 de nov. de 2010

Masterclass guitarra eléctrica



Xa podedes inscribirvos na masterclass de guitarra eléctrica do día 27. Será ás 11.00h na sala O Túnel, e podedes formalizar a vosa inscrición desde aquí.

Será impartida por Rubén Barros, quen actualmente forma parte de Miki Nervio & the bluesmakers ( mikinervio.com ), Banda Potemkin ( myspace.com/bandapotemkin ) e Rúa Cega  ( myspace.com/ruacega ) e colaborou en proxectos coa Big band do conservatorio de A Coruña, a Orquesta sinfónica de Galiza, con grupos como Meninhos da Rúa, The Forest Trío, ou músicos do nivel de Quique Alvarado, Miguel Queixas ou Luís Moro.

Coma sempre, é de balde e teñen preferencia os usuarios dos locais. Aforo limitado, así que apurádevos a cubrirdes a inscrición!!!
Share:

30 de out. de 2010

Obradoiro de loxística


Hoxe pola mañá tivo lugar, na sala O Túnel do Coliséum, o primeiro obradoiro dos locais de ensaio.


É de agradecer que entre os/as asistentes houbese tanta inquedanza pola temática, xa que isto favoreceu o desenvolvemento do obradoiro ao longo das case dúas horas e media que durou, ademais de facelo bastante máis dinámico.
 
O próximo evento será o 27 de novembro: Masterclass de guitarra eléctrica. Seguide atentos e atentas ao blogue porque nos vindeiros días publicaremos máis información sobre este novo obradoiro e abriremos o prazo de inscrición.
Share:

18 de out. de 2010

Como funciona unha banda?


Este obradoiro ten como finalidade ilustrar as bandas sobre a importancia dunha loxística de grupo.

Trataranse temas como:

- definición do concepto de grupo.

- programación dos ensaios.

- metas a curto-medio-longo prazo.

- publicidade: cartaces, fotos, creación dun logo, redes sociais, páxinas web, medios de comunicación, ...

- creación dun dossier.

- achegamento a salas de concertos, productoras e concellos

- consellos á hora de mercar equipos.

- creación dun rider técnico.

- importancia do persoal auxiliar dunha banda.

- etc.

Podédesvos inscribir neste enlace (mandar o arquivo, pdf ou xml, a locaisdensaio@gmail.com) ou na sala de control cando veñades ensaiar. As prazas son limitadas (os/as usuarios/as dos locais teñen preferencia).

Recordámosvos que o obradoiro será o sábado 30, ás 11.00h, na sala O Túnel.
Share:

16 de out. de 2010

Wi-Fi

logo Wi-Fi propiedade de Wi-Fi alliance       


Desde hoxe, os locais están equipados cunha rede Wi-Fi que da cobertura ás salas de ensaio.

Só tedes que vos achegar á sala de control e preguntar polo contrasinal e, coa axuda dun portátil ou dun teléfono móbil (que vos permitan accederdes á rede) poderedes facer as buscas oportunas para sacarlle o máximo rendemento ao voso tempo de ensaio.
Share:

13 de out. de 2010

OBRADOIROS!!!


Esta é a oferta formativa dos locais para este semestre.


A idea é que haxa un obradoiro cada último sábado do mes. Comezarán ás 11.00h, durarán aproximadamente unhas 2 horas, e terán lugar na Sala O Túnel (situada no Coliséum, anexa aos locais).

En pouco tempo subiremos unha información máis detallada do primeiro obradoiro: "cómo funciona unha banda?", así coma o formulario para se inscribir (ollo!!: as prazas son limitadas e daráselle prioridade aos usuarios dos locais).

Listaxe de obradoiros:

30 de outubro: Como funciona unha banda? Cuestións fundamentais para dinamizar e xestionar o teu proxecto musical.

27 de novembro: Masterclass de guitarra eléctrica.

28 de decembro: Como facer soar unha banda? Aprende a utilizar as ferramentas que permiten gravar e amplificar ao teu grupo.

29 de xaneiro: Masterclass de batería.

26 de febreiro: Como compor unha canción? Obradoiro de composición musical.
Share:

28 de set. de 2010

ENCHÚFATE!


Hoxe presentouse no Concello a campaña publicitaria dos locais. A idea é mostrarlle á cidadanía a existencia do proxecto, que facemos e onde nos pode encontrar.

 A concelleira de Mocidade, Ermitas Valencia, destacou no acto a grande aceptación da iniciativa por parte dos grupos, que, antes de saír a campaña, xa enchían 28 das 33 prazas dispoñíbeis; e o apoio da xente máis nova (case o 75% dos usuarios e usuarias dos locais de ensaio son menores de 26 anos).
 
Os folletos poderanse encontrar en centros sociais e puntos de información do Concello.
Share:

9 de set. de 2010

Obertura



Abrimos este blogue como ferramenta de apoio loxístico aos grupos que desfrutan das instalacións e como medio de comunicación para nos achegarmos a calquera persoa que teña algún tipo de curiosidade sobre o tema: o día a día dos locais de ensaio.

Comprometémonos a darmos información sobre cada un dos grupos que pasa tres horas á semana traballando nos locais, a promovermos os seus concertos e a informarmos sobre as actividades que se vaian programando, co fin de que a cidadanía en xeral tome conciencia dos movementos culturais creados pola mocidade da nosa cidade.
Share:

Incrición obradoiros ou masterclasses

número de visitas

Participación e Innovación Democrática

Centro Municipal de Información Xuvenil do Concello da Coruña (CMIX)

Blog Archive