27 de dec. de 2011

Festival En Directo!! (crónica)




O pasado venres poidéchedes desfrutar do Festival En Directo!!, no que 11 das bandas que ensaian nos locais de ensaio mostraron os seus temas a todo o público que quixo achegarse ao Fórum Metropolitano. É de agradecer a todos e todas os que quixéchedes apoiar a estes grupos a vosa donación para a Cociña Económica, pois a morea de alimentos e produtos de aseo persoal que achegástedes sorprendía a todas as persoas que pasaban canda ela.

Agradecemos a labor realizada tanto aos compoñentes de todos os grupos, como a todas as persoas que colaboraron para que o evento sairá o mellor posíbel.

Lembrade que xa queda menos para o seguinte Festival. Desde os locais de ensaio da Concellaría de Xuventude desexámosvos un feliz 2012!!.

Peyote


Distrito 81



After all



Akupuntura



Rockers in black



Carretera Comarcal



The zipper



Venus on fire



Dharmak



Shinnen



Fouce



Fotos: José Guerra.
Share:

14 de dec. de 2011

Entradas para o festival En Directo!!


Xa podedes retirar as entradas que vos darán acceso ao festival do día 23 no Fórum Metropolitano. Lembrade que os puntos de recollida son:

- Fórum Metropolitano (conserxería): de luns a sábado en horario ininterrumpido de 08.00 a 21.00 h.
- Centro Municipal de Información Xuvenil: de luns a venres de 10.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.00 h, e os sábado de 11.00 h a 14.00 h.
- Locais de ensaio: de luns a sábado de 16.00 a 22.00 h e ademais os sábados de 11.00 a 14.00 h.

Darase un máximo de 3 entradas por persoa e, como xa sabedes, ademais de posuir a invitación precisades facer unha doación a beneficio da Cociña Económica que inclua 2 Kg de produtos non perecedeiros (unha vez máis recalcamos a necesidade dos seguintes produtos: legumes, pastas e conservas) e máis un produto de aseo persoal (pasta de dentes, desodorizante, xampú ou xel son as cousas que máis precisan).

Para quen o prefira, damos a opción de facer a doación nos puntos de recollida á vez que se retira a invitación nos días anteriores ao evento. No momento de facer a doación, marcarase a entrada cun cuño que permitirá acceder directamente ao recinto o día do festival.


Share:

12 de dec. de 2011

Festival En Directo!! 23-12-2011


Hoxe presentouse en María Pita á prensa o festival "En Directo", que o día 23 levará ao auditorio do Fórum Metropolitano 11 dos grupos que ensaian nos locais de ensaio.

O evento dará comezo ás 19.30 h, e cada un dos grupos participantes terá 25 minutos para demostrar o seu traballo nos últimos meses. A orde de actuación virá marcada polo estilo musical de cada grupo, deixando para o final os grupos que máis intensidade repartan no escenario. Será un concerto moi variado, debido aos diversos estilos dos grupos: desde Rock & Roll a Viking Metal pasando polo Blues ou o Hard Rock.

Os convites poderanse recoller na conserxería do Fórum Metropolitano (de luns a sábado en horario de 08.00 a 21.00 h), no Centro Municipal de Información Xuvenil (de luns a venres de 10.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.00 h, e os sábado de 11.00 h a 14.00 h), ou nos mesmos locais de ensaio (como xa sabedes, de luns a sábado de 16.00 a 22.00 h e ademais os sábados de 11.00 a 14.00 h), a finais desta semana. Pero para poder acceder, ademais de posuir unha invitación, pediremos a achega dun produto de aseo persoal máis dous kilos de alimentos non perecedeiros a favor da Cociña Económica, e deste xeito contribuir coa súa causa neste duro inverno. Debido ás necesidades que teñen, compre que os produtos a doar sexan pastas, legumes ou conservas (no caso dos alimentos) e pasta de dentes, xel, xampú ou desodorizante.

Cada persoa poderá retirar un máximo de 3 convites e os cidadáns que non desexen achegar os produtos requeridos o día do festival, poderán deixalos nos locais de ensaio (até o xoves 22), acuñando o convite para permitir o acceso ao auditorio. Estade atentos ás nosas contas en facebook e tuenti e neste mesmo blogue, pois daremos o aviso de cando estean dispoñibeis as invitacións nos respectivos puntos de recollida.

Ademais de falar do festival, Francisco J. Mourelo (Delegado de Educación, Deportes e Xuventude do Concello) aproveitou para comentar o éxito dos locais de ensaio, nos que 123 usuarios e usuarias cubren todas as prazas divididas en 33 grupos, o que fará que desde o comezo de 2012 se habilite un novo horario (os domingos de 16.00 a 19.00 h) para sanear a pobrada listaxe de agarda do espazo municipal, alomenos até o novo cambio de quenda, que será en marzo.
Share:

26 de nov. de 2011

Master Class de Miguel Lamas (Crónica)


Hoxe na Sala O Túnel, Miguel Lamas demostrou a enorme técnica que ten para isto de tocar a batería. Todos os alí presentes desfrutaron das súas explicacións e demostracións, e intentou que a Master Class fose o máis participativa posíbel (incluido o "momento concurso" no que Manuel, dos Rockers in Black acertou a pregunta e levou o premio).

E como xa se sabía, Octavio Vargas e Iago Mouriño apoiaron as súas explicacións ao baixo e ao teclado. Ao final do evento, todos os asistentes tiveron a oportunidade de probar os novos modelos SANTAFE Miguel Lamas Signature.

Share:

16 de nov. de 2011

Master Class de Miguel Lamas


Un mes máis, achegámosvos a nosa proposta didáctico-musical, e desta vez, toca adentrarse no mundo da batería, da man de Miguel Lamas. Este Fenés de tan só 18 anos tenvos preparado unha clase na que falará dos seguintes temas:

• Papel da batería dentro dunha banda.
• Desenrolo e compresión dun tema (tratándoo de diferentes xeitos e deténdonos nas diferentes partes) de cada estilo e concepto de FUSIÓN (rock, jazz, funk...)
• A batería como solista.
• Métricas Irregulares. Amalgamas.
• Presentacións das novas baterías SANTAFE Miguel Lamas Signature.

E para axudalo, contará co bo saber facer de Octavio Vargas (Baixo eléctrico) e Iago Mouriño (Teclados), para axudar ás súas explicacións do xeito máis natural: tocando!!.

O evento terá lugar o sábado 26 de novembro, ás 11.00 h na Sala O Túnel do Coliséum. Se queres asistir, só tes que te inscribir seguindo estes pasos.

Share:

22 de out. de 2011

Master Class de Marcos Pin (Crónica)


Nunca na vida tivéramos a tanta xente metida dentro dunha das nosas salas de ensaio, pero a ocasión o merecía. Marcos Pin demostrou que, ademais de ser un músico excepcional, sábese facer entender coma poucos neste mundillo e, de seguro, os 15 guitarristas (máis un baixista) asistentes sacaron cousas en claro, ademais de levarse deberes para casa.

Para o vindeiro mes témosvos preparado outro prato forte, pois virá Miguel Lamas, acompañado por Octavio Vargas e Iago Mouriño, a ofertarnos outra master class, esta vez sobre a batería dentro da música moderna. Estade atentos a este blogue, pois nas vindeiras semanas abriremos o prazo de inscrición.

Share:

5 de out. de 2011

Master Class de Marcos Pin


O día 22 temos axendada outra master class, neste caso de guitarra. Contaremos coa presenza de Marcos Pin, outro grande talento do noso país, que dividirá o evento en dúas partes tratando os seguintes temas:

* Primeira parte:
         - Desglose e desmitificación da armonía Pop-Rock.
         - Tríadas maiores, menores, aumentadas e diminuidas: uso común e enbelecemento en Funk-Blues.

* Segunda parte:
         - Escala "orixinal do Blues"
         - Desglose da escala "orixinal do Blues": Cells, acordes ("sweep").
         - Construcción de Riffs e Ostinatos.
         - Cómo practicar para obter os mellores resultados: sistemas e técnicas.

Non sabedes quen é Marcos Pin? Podedes ir á súa páxina web e coñecer máis sobre os seus estudos, proxectos, ...

A master class terá lugar na Sala O Túnel do Coliséum, ás 11.00 h., e coma sempre é de balde. Só tedes que vos inscribir seguindo estes pasos.


Share:

24 de set. de 2011

Obradoiro de edición e xestión de autores (crónica)


Hoxe pola mañá tivemos un obradoiro dos máis importantes que levamos ofertado en todo este tempo. Sergio Lago introduciunos en temas que os músicos (polo xeral) descoñecen, ademais de odialos, pero que a día de hoxe debido á necesidade de autoxestión da maioría dos proxectos musicais, son coñecementos moi necesarios, ainda que en certa medida obriguen aos propios músicos a saber certos procedementos legais que están moi lonxe do seu traballo coma músico.

Falouse (e moito) de como funciona o sistema de recadación de dereitos, das distintas opcións que ten un músico para protexer a súa obra, importancia dunha loxística dentro do grupo, ... e todos estes temas deron lugar a un coloquio entre todos os asistentes sobre a situación legal do músico.

O vindeiro mes contaremos coa presenza de Marcos Pin, que nos ofrecerá unha master class de guitarra moi recomendábel.

Share:

14 de set. de 2011

Obradoiro de edición e xestión de autores


Primeiro formades un grupo, compoñedes uns temas, reunides algúns cartos tocando en salas pequenas e bares e decidides gastar eses cartos en gravar nun estudio. E logo qué?

Da man da xente da editora Coruñesa Autoedita, aprenderedes todos os coñecementos precisos para xestionar e difundir, segundo as vosas necesidades, o voso traballo musical.

Este obradoiro permitiravos coñecer de primeira man as diferenzas que aportan os distintos formatos de edición tendo en conta o voso obxetivo, cómo distribuir o voso traballo, marco legal respecto a xestión de autores, licenzas e rexistro da propiedade intelectual, e (sobre todo!) que vos respondan ás (moitas) dúbidas que tedes ao respecto.

Terá lugar o sábado 24 de setembro, ás 11.00 h, na Sala O Túnel do Coliséum. Coma sempre, é de balde!, únicamente teredes que inscribirvos previamente (bulide a facelo, as prazas son limitadas!!).
Share:

27 de ago. de 2011

Master Class de Kin García



Rematou a oferta formativa dos locais de ensaio para este verao e, tal e como tiñamos planeado, foi cun prato forte: Master class de baixo a cargo de Kin García.

Os asistentes desfrutaron dos consellos do músico que, durante as 2 horas e media que durou o evento, guiounos para que lle saquen o máximo rendemento posíbel ás horas que dedican estudiando o instrumento.

Estade atentos a este blogue, pois nuns días darémosvos a coñecer a programación de obradoiros para este outono.

Share:

30 de xul. de 2011

obradoiro de videoclips (crónica)


Aproveitamos a mañá de hoxe para que Jairo Iglesias nos falara sobre o mundo dos videoclips. Falouse (e puxéronse exemplos) de como unha boa idea vale máis que un bo orzamento, e visionamos un feixe de videoclips (tanto do país coma do resto do mundo, as tres horas e media do evento deron para moito), buscándolles as cóxegas para saber que tiña cada traballo de bo (e/ou de malo :-p).

O vindeiro mes recibiremos a visita do gran Kin García, que nos ofrecerá unha masterclass de baixo eléctrico de primeira categoría.

Share:

26 de xul. de 2011

Aberto o prazo de recollida de solicitudes para a quenda de setembro a marzo


Hoxe, martes 26 de xullo, ábrese o prazo para presentar toda a documentación requirida para poder optar a participar na quenda de setembro-marzo dos locais de ensaio:

* Solicitude debidamente cuberta.
* Fotocopia dos DNI de todos/as os/as compoñentes do grupo.
* Certificado de empadroamento de 2011 ou matrícula escolar do curso 2011/2012 de, cando menos, a metade do grupo.
* Permiso paterno/materno/do titor ou titora legal de todas as persoas menores de idade.

Os modelos de solicitude e permiso a menores atoparédelos aquí, ao igual que o regulamento a seguir.

Os únicos grupos exentos de facer esta solicitude son os que nestes intres compoñen a listaxe de agarda.
A nova quenda dará comezo o luns 12 de setembro, e tedes até o venres 2 de setembro para achegardes toda a documentación requirida ao Centro Municipal de Información Xuvenil (Fórum Metropolitano: rúa Río Monelos, 1).

Horario CMIX en agosto: Luns a venres de 10.00 h a 14.00 h.
Share:

6 de xul. de 2011

Obradoiro de Videoclips



O sábado día 30 temos programado un obradoiro do máis interesante. Tratará sobre o peculiar mundo dos vídeoclips e, para explicárvolo o mellor posíbel, contaremos coa xente de Pixelfilms.

Os puntos que se van tratar son os seguintes:

1. Análise de varios videoclips para saber até onde chega o profesional e até onde
o amateur.
2. Amateur ben feito versus profesional mal feito.
3. Tipos de formato de gravación. Escoller o mellor para a distribución e saída do
grupo.
4. Comunicación audiovisual básica. Tipos de plano. Ritmos. Efectos.
5. Trucos concretos para a rodaxe. Sincronización de vídeo. Trucaxe de velocidade
na música.
6. Tipos de montaxe e efectos visuais (trátase de análise de montaxe, non de clase de
montaxe).
7. O acabado final. Calidade. Compresión. Formatos.
8. Os vídeos na rede. Formas de distribución.

Este obradoiro terá lugar na Sala O Túnel do Coliséum da Coruña e, dada a extensión do temario, comezará ás 10.30 h.
Xa podes inscribirte seguindo estes sinxelos pasos.
Share:

27 de xuño de 2011

II FESTIVAL ENCHUFADOS! (Crónica)


O sábado desfrutamos da segunda edición do festival enchufados, onde oito das bandas que ensaian nos locais de ensaio mostraron o seu traballo dos últimos meses.

As persoas que asistiron puideron, ademais de desfrutar do fresquiño que ía na Sala O Túnel (e ben que se agradecía no día máis caloroso do que vai de ano), cantar, bailar, facer pogo e mosh pit, ... 4 horas de festival dan para moito!!

Coma sempre, desde a organización queremoslles agradecer aos grupos participantes a súa entrega, e... recordámosvos que xa queda menos para os seguinte festival!!.


After all foron os encargados de comezaren o festival.

Extretxez demente sacaron o lado máis Punk do festival.

Puidemos ver os progresos da xente de Venus on fire.

A xente flipou cos Shinnen e co espectáculo que montaron no seu primeiro concerto.

Fouce: batería, baixo, guitarras e até un corno vikingo ao servizo do seu Metal.


Outro grupo que repetía: chegaba a hora de Avézar.


O momento Metalcore a cargo dos Nhyl.


E, para rematar, desfrutamos do bo Rock da xente de The zipper.


 
Fotos: Raúl Doldán
Share:

21 de xuño de 2011

Convites do II Festival Enchufados


Xa podedes recoller os vosos convites para o festival deste sábado. Daranse un máximo de 3 por persoa.

Os convites están dispoñibeis desde hoxe martes no CMIX do Fórum Metropolitano, e a partires de mañá  mércores poderedes retiralos tanto no despacho de billetes da Praza de Ourense, coma nos propios locais de ensaio.

A continuación, facilitámosvos os horarios de apertura dos puntos de recollida:

Centro Municipal de Información Xuvenil:
Luns a venres de 10.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.00 h.
Sábados de 11.00 a 14.00 h.

Despacho de billetes da Praza de Ourense:
Luns a venres de 09.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 h.

Locais de ensaio:
Luns a venres de 16.00 a 22.00 h e sábados de 11.00 a 14.00 h e de 16.00 a 22.00 h.
Share:

17 de xuño de 2011

II FESTIVAL ENCHUFADOS!


A vindeira semana terá lugar na Sala O Túnel do Coliséum a segunda edición do festival Enchufados!, con grupos usuarios dos locais de ensaio. Nesta ocasión contamos con 8 grupos que quixeron formares parte do evento, e mostrar o traballo que durante meses levan pulindo nos locais.

Teremos para todos os gustos: desde propostas que se achegan ao Rock máis clásico, até diversas vertentes do Metal, pasando por grupos de estilo Punk.

Os concertos comezarán ás 20.00 h (apertura de portas media hora antes), e para asistir só é preciso conseguir o convite que poderás atopar a vindeira semana no despacho de billetes da Praza de Ourense, no centro municipal de información xuvenil do Parque Europa, ou nos mesmos locais de ensaio. Estade atentos a este mesmo blogue, pois faremos unha actualización no momento no que os convites estén nos puntos de recollida.
Share:

8 de xuño de 2011

VOLUME 1


Desde hoxe podedes facervos coa primeira escolma de temas gravados no estudio dos locais de ensaio polos grupos usuarios. Son 7 cancións que abranguen desde o Folk de Con Canto Donaire, até os diversos paos do Metal de Cygnus, Avézar e Devastating Defeat, pasando polo Punk-Rock de Venus on Fire o Hard-Rock de Drinking zaps (de agora en diante Dharmak), ou a proposta máis calmada por parte de Almakoa.

Xa podes recoller de balde a túa copia no Centro Municipal de Información Xuvenil do Fórum Metropolitano, ou nos mesmos locais de ensaio.

Aproveitamos a ocasión tamén para comunicarvos que podedes atopar as cancións que se gravan nos locais en myspace.com/locaisdensaiomocidade .
Share:

26 de maio de 2011

Obradoiros de verán


Xa podes inscribirte nos obradoiros que temos preparados para os vindeiros meses!

O martes 21 de xuño, tes a posibilidade de ver paso a paso o proceso de gravación nun estudio musical, desde a colocación de micros até a masterización do tema. Para isto, usaremos todas as ferramentas dispoñibeis nos propios locais de ensaio. Bule a apuntarte, pois para que sexa o máis útil posíbel, este obradoiro ten prazas moi limitadas!!.

O 30 de xullo, poderás descubrir polo miúdo o mundo dos videoclips. Da man da xente de Pixelfilms, verás as diferenzas entre videos amateurs e profesionais, nocións de comunicación audiovisual, trucos para as rodaxes, formas de distribución, ...



E, xa para rematar o semestre, o 27 de agosto teremos a honra de recibirmos a visita de Kin García, virtuoso músico do país que ofrecerá unha máster class de baixo eléctrico que non deberías de perder.



Podes atopar toda a información de como inscribirte nestes obradoiros aquí.
Share:

21 de maio de 2011

Obradoiro de Scratching (Crónica)


Hoxe desfrutamos dunha divertida mañá no novo Espazo de Iniciativas Xuvenís, na que aínda por riba aprendemos as funcións, materiais a usar e técnicas dun DJ profesional.

Os alemáns Sonderskoolen e Whizcutz (quenes ademáis de este obradoiro aproveitaron o tempo na cidade para facer un par de concertos) ensináronnos a súa pericia cos 2 pratos, ofreceron un obradoiro introductorio ao mundo dos DJ´s, e mesmo deixaron que os asistentes se achegaran aos pratos e souberan de primeira man diferentes xeitos de facer mesturas e scratching.

Xa podedes atopar na sección de eventos a programación formativa dos locais de ensaio para os vindeiros 3 meses, e recorda que podes suxerir os obradoiros que che gustaría asistir en locaisdensaio@gmail.com.

Share:

4 de maio de 2011

Obradoiro de Scratching


Moita xente pensa que é fácil a tarefa dun DJ. Obviamente, non só están a pinchar cancións unha detrás doutras, senón que se teñen que concentrar e posuíren coñecementos de métrica musical, de tempo e de como poden manipular o son ou o ritmo dunha gravación facendo Scratching, Backspinning, beat-juggling, ...

Sonderskooler e Whizcutz son dous membros da DJ-Crew Cut´zN´Mouse (Mannheim, Alemaña) e conducirán este obradoiro en que explicarán os conceptos basicos do DJing parándose nas diversas técnicas de Scratching, ademais de nos presentaren as posibilidades que o universo dixital abre neste campo.

Sonderskooler é un versatil DJ que traballa na Vibra DJ School en Heidelberg, Alemaña, e adoita realizar obradoiros para xente de todas as idades e niveis musicais, ademais de actuar en concertos en directo; mentres que Whizcutz é un compositor, técnico de son e produtor inmerso nunha gran multitude de proxectos musicais, que o levan desde a tocar en directo cun grupo de Jazz electrónico até facer os seus propios remixes.

Este obradoiro está deseñado para calquera persoa interesada no tema, non tes que ser DJ para o aproveitares. Vai ter lugar o sábado 21, ás 11.00 h, no Espazo de Iniciativas Xuvenís (rúa Matadoiro, 68, preto da Domus). E, como sempre, é de balde! Só tes que te inscribires.



Share:

30 de abr. de 2011

Obradoiro de canto (crónica)


Hoxe pola mañá contamos coa visita de Carmen Rey para falarnos de respiración, articulación, impostación, e demáis apartados da educación vocal.

Os asistentes, que literalmente enchían o escenario da Sala O Túnel, desfrutaron do xeito participativo co que Carmen impartiu a clase, que fixo que todos puideran achegarse ao micro e recibir unha serie de consellos para  mellorar as súas técnicas de canto.

O vindeiro mes adiantaremos para o día 21 o obradoiro, que tratará o curioso mundo do scratching.

                                                                fotos: Raúl G. Doldán
Share:

11 de abr. de 2011

Obradoiro de canto con Carmen Rey


Queda aberto o prazo de inscrición para o obradoiro que, este 30 de abril ás 11.00 h na Sala O Túnel, adicaremos á técnica de canto.

Impartido por Carmen Rey, unha das mellores voces do país quen, ademáis de ser profesora de canto, improvisación e linguaxe musical, ten varios proxecto musicais entre o que hai que destacar Carmen Rey Grupo, onde a atopamos ben arroupada por músicos da talla de Sergio Delgado, Miguel Cabana, Tito Calviño, ...

A aqueles que vos interese, mandade a inscrición o máis axiña posíbel, pois as prazas para este obradoiro son moi limitadas!! Como sempre, é de balde e terán prioridade para asistir os usuarios e usuarias dos locais de ensaio, ainda que de non cubrir todas as prazas podería asistir calquer cidadán.
Share:

4 de abr. de 2011

Os da Troula e Cygnus no Achegarte


Onte, dous dos grupos que ensaian nos locais puxeron da súa parte nesa gran mostra da cultura que facemos neste recunchiño do planeta, o Achegarte. É de agradecer que a Concellaría de Cultura nos deixase formar parte da "festa" e compartir escenario con xente que leva anos debaixo dos focos como Luar na Lubre, Silvia Penide e un amplo etcétera.

Comezaron Os da Troula, mostrando a súa visión da música tradicional galega; festeiros e con ganas de divertiren o público asistente (cousa que conseguiron).

E, seguidamente, os Cygnus subiron ao escenario, sen tempo nin para proba de son e, xa desde os primeiros compases, demostraronlles ás persoas asistentes o poderoso do seu son.

Ambos os grupos deixaron o público con ganas de máis (que insistía pedindo algún bis) mais para iso cumprirá estarmos atentos e atentas aos vindeiros concertos que estes grupos dean.

Share:

Incrición obradoiros ou masterclasses

número de visitas

Participación e Innovación Democrática

Centro Municipal de Información Xuvenil do Concello da Coruña (CMIX)

Blog Archive