31 de xan. de 2011

Aberto o prazo de recollida de solicitudes para a quenda de marzo a agosto


Hoxe luns 31 de xaneiro ábrese o prazo para presentar toda a documentación requirida para poder optar a participar na quenda de marzo-agosto dos locais:
  • Solicitude debidamente cuberta.
  • Fotocopia dos DNI de todos/as os/as compoñentes do grupo.
  • Certificado de empadroamento de 2011 ou matrícula escolar do curso 2010/2011 de, cando menos, a metade do grupo.
  • Permiso paterno/materno/do titor ou titora legal de todas as persoas menores de idade.
Os modelos de solicitude e permiso a menores atoparédelos aquí, ao igual que o regulamento a seguir.
Os únicos grupos exentos de facer esta solicitude son os que nestes intres compoñen a listaxe de agarda.

Tedes até o luns 14 de febreiro para achegardes toda a documentación requirida ao Centro Municipal de Información Xuvenil (Fórum Metropolitano: rúa Río Monelos, 1).

Horario CMIX: Luns a venres de 10.00 h a 14.00 h e de 17.00 h a 20.00 h. Sábado de 11.00 h a 14.00 h.

Share:

29 de xan. de 2011

Masterclass de Xulio Vázquez



Hoxe tocou aprender un pouco sobre o mundo da batería. Da man de Xulio Vázquez, bateristas (tanto experimentados como noveis) aproveitaron esta mañá do sábado para se achegaren á sala O Túnel aprender, comentar e debater sobre os distintos xeitos do seu uso no contorno pop/rock/metal.

Recordámosvos que os obradoiros dos locais de ensaio son de balde e, polo xeral, teñen lugar o último sábado de cada mes. Estade atentos e atentas a este blogue, pois temos algún cambio, que confirmaremos nas vindeiras semanas, na programación de febreiro. Imos tratar un tema que lle pode interesar a case calquera persoa que toque nun grupo!!.
Share:

24 de xan. de 2011

Cambios no regulamento


Xa podedes botarlle un ollo ao novo regulamento dos locais. O único que tedes que facer para consultalo é ir a este enderezo.
Share:

19 de xan. de 2011

Masterclass de batería


Abrimos o periodo de inscrición para a masterclass de batería do día 29, na sala O Túnel, ás 11.00h.

Será impartida por Xulio Vázquez, coñecido baterista da escena coruñesa porque tocau en grupos como Meninh@s da rúa, Banda Potemkin, Sevigny, ... e abordará os seguintes temas:

-          Corrección postural.
-          Técnica de Caixa: rudimentos básicos.
-          O tempo: como manexar un metrónomo.
-          Uso de apagadores e outras ferramentas que axudan a definir o son da batería.
-          Configuración do equipo segundo o estilo.
-          Como afinar unha batería?
-          Composición: cal é o rol do baterista no contorno pop-rock?

Coma sempre, as prazas son limitadas e terán preferencia os/as usuarios/as dos locais de ensaio. Podes cubrir a túa inscrición desde aquí e, de ter algún problema ao mandala, segue os pasos que se indican na páxina "Como inscribirse nos obradoiros?"
Share:

12 de xan. de 2011

CON CANTO DONAIRE



Hoxe comezamos a mostrarvos algúns dos grupos que ensaian nos locais, e comezamos polos que tiveron a honra de seren os primeiros en gravar no noso estudo:

Con Canto Donaire é unha proposta musical que inicia o grupo de pandereteiras Donaire tratando de dar unha visión persoal e actualizada da música tradicional que levan anos interpretando. Estas seis rapazas que proveñen das Mariñas e a Mariña lucense, conflúen na Coruña cun interese común de grande peso: a nosa música de raíz. Dende o seu inicio foron dirixidas por Olga Kirk e actuaron en escearios moi diversos onde alcanzaron numerosísimos premios en todos os festivais e concursos do país, o cal lles levou a cantar por toda a xeografía galega.

Participaron ademais na gravación de dous CDs, Cantos vellos para rapaces novos (2001) e Dálle donaire ao corpo (2006).

Nesta nova andaina estas seis mulleres intentan encaixar dende as raíces da tradición, as súas diferentes tesituras vocais, gustos musicais i experiencias vitais, como se se tratase das pezas dun puzle, para chegar a variados resultados estético-musicais en cada peza.

Para poder expresar a súa inquietude contarán coa axuda de:

Gutier Álvarez: zanfona e programacións
Pablo Díaz: clarinete e percusións
Pablo Aller: guitarra
Ismael García: percusións e gaita
Natalia Pérez: percusións

Elas son:

Helga Vázquez R.
Iria Penabad
Graciela Carral
Rocío Carral
Olga Kirk
Lucía Vázquez Q.

Share:

4 de xan. de 2011

Propostas de interese musical


Debido á grande oferta de concursos musicais e obradoiros que tratan temas interesantes para a xente que forma parte dun grupo, déixovos estes enderezos que vos poden axudar a lle dar un impulso ao voso proxecto musical. De vos interesar... Ollo, que non se vos pasen as datas!!

XIII Concurso de maquetas CUAC FM

2º edición de MUSICAULA

IV Concurso de rock "Deputación da Coruña"

Concurso Airiños de Rock & Roll

Detrás da Canción
Share:

Incrición obradoiros ou masterclasses

número de visitas

Participación e Innovación Democrática

Centro Municipal de Información Xuvenil do Concello da Coruña (CMIX)

Blog Archive