22 de ago. de 2013

Periodo de inscrición para a quenda semestral outubro 2013-marzo 2014



O luns, 26 de agosto, dará comezo o proceso para presentar toda a documentación e optar a unha quenda de 3 horas de ensaio semanais nos Locais de Ensaio para o vindeiro semestre. Para iso precisaredes:

- Solicitude debidamente cuberta.
- Fotocopia dos DNI´s de todos/as os/as compoñentes do grupo.
- Certificado de empadroamento no Concello da Coruña con data de 2013, ou ben matrícula escolar nun centro da cidade para o curso 2013-2014 de, cando menos, a metade dos integrantes do grupo.
- Permiso paterno/materno/do titor ou titora legal de todas as persoas menores de idade, acompañado da fotocopia do DNI do maior de idade que asina o permiso.

Os modelos de solicitude e permiso a menores poderedes atopalos neste blogue, ao igual que o regulamento interno a seguir.
Os únicos grupos exentos de facer a solicitude son os que, actualmente, integran a listaxe de agarda e ainda non tiveron oportunidade de entrar a ensaiar.

Tedes até o 21 de setembro (sábado) para achegardes toda a documentación requerida ao Centro Municipal de Información Xuvenil (Fórum Metropolitano. r/ Río Monelos, 1). As solicitudes recibidas a partires do día 23 de setembro pasarán a formar parte da listaxe de agarda dos Locais de Ensaio, notificando aos grupos integrantes as prazas libres para ensaiar, de habelas, por orde de entrega de solicitude. A nova quenda dará comezo o 1 de outubro.

Horario CMIX: Luns a venres de 10.00 a 14.00 h, durante agosto, e a partires de setembro tamén de 17.00 a 20.00 h. O sábado 21, último día deste periodo de inscrición, poderedes achegarvos de 11.00 a 14.00 h. 
Share:

8 de xul. de 2013

Volume 3



Desde fai unhas semaniñas tedes á vosa disposición o 3º disco editado desde os Locais de Ensaio. Podedes atopalo, de balde, na rede de Bibliotecas Municipais, no Centro Municipal de Información Xuvenil do Fórum Metropolitano e nos propios Locais de Ensaio.

O primeiro que chama a atención con respecto aos anteriores Volumes é o número de grupos participantes, xa que se dobran os participantes da primeira edición. O disco comeza cun breve bloque de Hard Rock (os, por desgraza, xa extintos Dharmak, xunto a Black Babylon e The Ice Road), seguindo con outra banda que o breve tempo que estivo activa deu moito que falar, Brewed, introducindo o bloque de grupos de tendencia más Metal (Fading Memories, Ingravity, Avézar e Tolemia), que dará paso ao Rock Urbano de Carretera Comarcal, o Blues ecléptico de Akupuntura e o Punk Nihilista de Man City Blue. Xa para rematar, a proposta Pop de Tremebundos e Almakoa aporta  outro tipo de matices ao recopilatorio, sendo despedido pola proposta máis tradicional coa que contamos, a cargo de SeisPorOito.

Non creemos nas etiquetas musicais, só é unha introdución a cada un dos grupos, porque ao final... o que conta é o que a música transmite.


Share:

4 de xul. de 2013

Adquire + IV Festival En Directo (crónica)


O ser humano é impredecíbel. Existen un feixe de variantes que nos fan comportarnos dun xeito, ou ben doutro totalmente distinto,  e que fan moi difícil predicir os éxitos ou fracasos á hora de idear certos eventos. Agardamos que os grupos implicados nesta edición do festival aprenderan esta lección, e a teñan ben en conta no seu futuro á hora de programar vindeiros concertos.
O ciclo Adquire + foi ideado como unha resposta ao metalcamp do ano pasado, integrando novas músicas que teñen cabida nos Locais de Ensaio, e para abrir as miras daqueles que comezan na música e teñen unha única fixación estilística, coa fin de chegar á meirande cantidade de músicos da cidade e arredores e contando, para elo, con auténticos profesionais nos seus campos que fixeron caer na conta de certos matices importantes a ter en conta como músico por aqueles/as que se achegaron ao Coliséum. Quixeramos agradecer unha vez máis a labor dos nosos colaboradores (The Drum House, Rec Label e Yamaha por partida dobre) que fixeron posíbel un evento desta magnitude, dotándoo de contidos dunha altísima calidade.
Finalmente, queremos dar un agarimoso saúdo a esas (poucas) persoas e músicos que entenderon perfectamente que viñan a un evento solidario, e colaboraron coa causa que tiñamos, a prol da Cociña Económica.

Pablo Blanco

José Rubio

Yoel Paez

Fran Rodríguez
Festival Solidario En Directo (Venres)
Almakoa

The Aerial Root

Jules & The Wolf

After All

 The Zipper

Tonhito de Poi

Festival Solidario En Directo (Sábado)
Truth or Consequence

Last Shot

Breathing Loud

Fading Memories

Man City Blue

Bastards on Parade

Share:

20 de xuño de 2013

ADQUIRE + IV FESTIVAL EN DIRECTO


Presentamos un evento a realizar no Coliséum da Coruña no que se integran, por un lado, actividades musicais e formativas (Adquire +), e polo outro a cuarta edición do Festival Solidario En Directo, cun total de 19 horas nas que se aprenderá, se tocará e se se escoitará música.

ADQUIRE + 

Trátase dunha convivencia musical, ao longo destas dúas tardes, onde grandes profesionais porán os seus coñecementos á disposición dos asistentes.

Obradoiro de Remixes (Sala de Prensa - Venres, 16.00 h): Coa colaboración de Rec Label,  con Pablo Blanco aprenderemos como remisturar un tema desde o noso propio ordenador:
- Ferramentas precisas para realizar un Remix: DAW, análise de tonalidade, ...
- Creación de ritmos
- Conceptos de armonía vía MIDI
- Trucos de produción


Masterclass de guitarra eléctrica con José Rubio (Sala o Túnel - Venres, 18.00 h): Da man de Yamaha, volta a visitarnos este virtuoso das 6 cordas, quen nos deixou coa boca aberta da súa técnica fai case un ano. O ex-membro de Warcry, e agora en José Rubio´s Nova Era, ademais de mestre e produtor falará de:
- Uso dos modos, punto de vista Rock
- Improvisación Rock e Metal.
- Técnica de interpretación solista, intercambio modal e uso da menor armónica
- Demostración do Yamaha THR, RGX420 e Pacífica 510V

Faladoiro con Tonhito de Poi (Sala de prensa - Venres, 20.00 h): Antes de demostrar as súas tablas no escenario, Tonhito contará a súa visión da súa dilatada carreira, dando consellos e resolvendo as dúbidas dos que comezan nisto do Rock.

Masterclass de batería/percusión con Yoel Paez (Sala O Túnel - Sábado, 16.00 h): Grazas a The Drum House e a Yamaha poderemos desfrutar dunha impresionante clase a cargo dun artista que, de so ver o seu Curriculum impresiona (pero velo tocar ainda máis!). Actualmente, ademais de estar embarcado en infinidade de proxectos, é mestre no prestixioso Campus de didáctica musical que a Universidade de Berklee ten en Valencia. A clase tratará dos ritmos latinos nas baterías, e como se poden mesturar con outros estilos como Jazz, Funk, Rock, Pop ou Flamenco, ademais de aspectos importantes para traballar a independencia cando se toca con set de batería e percusión, e varios exercicios de improvisación.  

Masterclass de guitarra con Fran Rodríguez (Sala de Prensa - Sábado 18.00 h): O ferrolán demostrará as súas dotes musicais que, para irdes abrindo apetito poderedes comprobar aquí.
- Pentatónicas (Maior, Menor, Blues, Posicións, Utilización)
- Modos Gregos (Composición, Utilización, Son Modal)
- Combinación de Pentatónicas e Modos Gregos

Faladoiro con Bastards on Parade (Sala de Prensa - Sábado, 20.00 h): Logo de probar son para o concerto da noite, falarán do crecemento do grupo, de como se conseguen cousas como xirar por Alemaña, ou en festivais tan potentes como o Resurrection Festival ou Derrame Rock.


Como accedo ás actividades de ADQUIRE +?

O pase compreto dos dous días a todas as actividades formativas, así como poder acceder ás salas de Jam Session e de Guitar Hero ten un custe de só 8€, sendo o prezo de cada actividade de 2€. A inscrición e o abono de cotas poderase realizar nos propios Locais de Ensaio da Concellaría de Educación, Deportes e Xuventude (Coliséum da Coruña, Rúa Francisco Pérez Carballo nº2) en horario de 16.00 a 22.00 h (agás o luns 24, que é festivo), ou ben facendo un ingreso á conta 2080 5540 36 3040006366, adxuntando o xustificante de pago a locaisdensaio@gmail.com. En Ambos os casos, para validar a inscrición, deberá facilitarse este impreso e máis a documentación requerida (no caso de ser menor de idade, autorización paterna-materna-do titor e máis a fotocopia do DNI da persoa que a asina) no regulamento propio do evento que todos/as os/as interesados/as poderán atopar aquí.
O aforo é limitado, polo que recomendamos que non o deixedes para o último momento!.



Como cada semestre, os grupos usuarios dos locais de ensaio teñen a oportunidade de tocar para un fin social. Desta vez, o festival pasará a durar 2 días, englobando aos grupos de vertinte máis Rock o venres (Almakoa, The Aerial Root, Jules & The Wolf, After All e The Zipper), encabezados polo proxecto paralelo a Heredeiros da Crus de Tonhito de Poi, sendo o sábado a quenda para os grupos cun toque máis Punk, Hardcore ou Metal (Truth or Consequence, Last Shot, Breathing Loud, Fading Memories e Man City Blue), contando para pechar a festa co Punk-Rock con raíces Celtas de Bastards on Parade.

As entradas adquírense por 4 € no despacho de billetes da Praza de Ourense (luns a venres de 09.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 h), e os días de concerto desde as 19.30 h nas taquillas do Coliséum. Existe un bono para os dous días por 6 €.

Porqué Festival Solidario?

O momento histórico no que vivimos debe servir para darnos conta das dificultades polas que moitas familias pasan. Desta vez, facemos un chamamento á cidadanía para que libremente colaboren coa nosa campaña de recollida de alimentos non perecedeiros, que irán directamente destinados á gran labor social que fai a Cociña Económica. Fai 6 meses conseguíronse 995 Kg de comida, agardando superar esa cifra nesta edición ao contar con dous días de concertos, ademais das actividades englobadas no ADQUIRE +. Entre tod@s poderemos conseguilo!.


Share:

13 de maio de 2013

Obradoiro de Home Studio (Crónica)


Excelente acollida do obradoiro do pasado sábado. Emiliano Caballero explicou o que é necesario para montarse un estudio musical na propia casa, e como se pode conseguir por moi poucos cartos. Durante as dúas horas e media de duración, afondouse en temas como medios técnicos de son, producción e uso de hardware, software e efectos precisos para comezar a gravar os temas propios, ademais de comentar algunhas anécdotas que chamaron a atención entre os presentes.
Agradecer aos nosos colaborador neste evento formativo, Rec Label, a súa participación, e ás acertadas palabras de Pablo Blanco na charla final , sobre cousas que funcionan e cousas que non, no mundo da música, que puxeron a guinda a unha mañá moi produtiva.


Share:

3 de maio de 2013

Obradoiro de Home Studio 2013



Insistimos na necesidade que, a día de hoxe, todo músico debera ter claros certos conceptos que, xa a curto prazo, dan grandes beneficios no día a día, tanto para amateurs como para profesionais.
As posibilidades que da un Home Studio, tanto na comodidade á hora de traballar, como coas infinitas probas e recursos que se poden aplicar a cada tema non deberan ser obviadas.
Disto virá a falarnos Emiliano Caballero (en colaboración con Rec Label), enxeñeiro de son/músico/produtor afincado en Amsterdam. 
Comeza a súa andadura coma guitarrista de rock/pop. Posteriormente, forma xunto á sua irmá o grupo folk "Blö", sendo compositor/produtor. Traballou en Galaxy Studios, involucrado en proxectos con artistas como La Petite Band ou Hooverphonic, cos que participou no seu último álbum "Hooverphonic with Orchestra", galardoado con disco de platino en Bélxica. Hoxe en día adícase á mestura, gravación, mastering e demais servizos de audio en MF-Records (Paises Baixos).
Este obradoiro terá lugar o sábado 11 de maio ás 11.00 h, na Sala O Túnel do Coliséum, e estructurarase en 3 puntos, duns 30/35 minutos cada un, e cunha sesión de preguntas e respostas ao final da clase:

1.- Introducción á teoría do son
2.- Tratamento acústico para Home Studio / DIY
3.- Técnicas de mestura Pop/Música Electrónica

Poderedes inscribirvos seguindo estes pasos. Lembrade que o aforo é limitado, e se confirmará a asistencia por e-mail. O prazo de inscrición rematará o venres 10 ás 21.00 h.


Share:

22 de abr. de 2013

Coruña42

Que 7 bandas de rock-metal estean operativas un domingo antes das 9 da mañá, é curioso. Máis se cabe que se embarquen nunha mini-xira de dous concertos antes de que chegara a hora do xantar. Co gallo da celebración da maratón Coruña42, Ingravity, After All, Black Babylon, Fading Memories, Last Shot, Man City Blue e Dharmak, todos eles grupos usuarios dos Locais de Ensaio, quixeron apoiar o evento coa súa música desde primeira hora. tanto no escenario situado na Fabrica de Tabacos, como no do Reloxo de Froles dos Cantóns, tanto corredores, como peatóns, ou simpatizantes das bandas sentiron o seu reclamo e agradeceron que estiveran a dar a nota un domingo á mañá.
Eles agora precisan do voso apoio, no concuros que, até o domingo, hai en Twitter. Todas as contas de twitter que sigan a @Coruna42 poderán votar unha vez ao día. Para elo, deberedes escribir a @Coruna42 co HT #AnimaciónCoruña42ConcertosLocaisdensaio e, a ser posíbel, mencionade a @locaisdensaio, para facilitar os rechíos na nosa conta.

Ingravity

After All

Black Babylon

Fading Memories

Last Shot

Man City Blue

Dharmak


Share:

16 de abr. de 2013

Concertos Coruña42


Este domingo terá lugar a II edición da maratón Coruña42 e, como o ano pasado, instalaranse diversos puntos de animación ao longo do percorrido. En dous deses escenarios, 7 grupos usuarios dos Locais de Ensaio da Concellaría de Xuventude farán espertar á cidade coas súas actuacións, programadas entre as 09.00 e as 13.30 h. Ditos escenarios, finalmente, estarán situados no Cantón Pequeno (á altura do reloxo de froles) e en Catro Camiños (na praza da fábrica de tabacos).
Poderedes apoiar a estes grupos para un concurso vía Twitter escribindo #AnimaciónCoruña42ConcertosLocaisdensaio.
Os grupos que teredes oportunidade de ver serán:

After All: Grupo Coruñés de versións orixinais e temas propios, que din eles, son a @$¬%@!!.
Actuarán ás 09.40 h no escenario dos Cantóns, e ás 11.40 h no de 4 Camiños

Man City Blue: Tocan desde Iggy Pop até U2, creando así un estilo de rock variado e alternativo.
Actuarán ás 12.20 h no escenario dos Cantóns, e ás 11.00 h no de 4 Camiños

Ingravity: Ainda que o seu estilo non está totalmente definido, pouco a pouco van creando un  son propio entre o metal e o rock influenciados por grupos coma Tool ou A Perfect Circle.
Actuarán ás 09.00 h no escenario dos Cantóns, e ás 12.20 h no de 4 Camiños

Dharmak: Grupo Coruñés de Hard Rock estreando nova formación, voltan con máis forza que nunca.
Actuarán ás 13.00 h no escenario dos Cantóns, e ás 10.20 h no de 4 Camiños

Last Shot: Banda de random rock (para simplificar, indie-grunge-blues-punk-rock). Rebeldes, agudos, ácidos e sabrosóns, bastos a máis non dar e como cabras esquizofrénicas. Prometen convidar a chocolate con churros a quen máis lles grite.
Actuarán ás 11.40 h no escenario dos Cantóns, e ás 09.00 h no de 4 Camiños

Black Babylon: Grupo de hard rock de A Coruña con gañas de comer o mundo. Con influencias desde os clásicos Scorpions ou Motley Crue até o glam máis hortera como Quiet Riot, Twisted Sister ou Ratt. Se levas maias a todas horas e moves as guedellas a ritmo de rock, has flipar. Rock On.
Actuarán ás 10.20 h no escenario dos Cantóns, e ás 13.00 h no de 4 Camiños

Fading Memories: Grupo de heavy metal melódico de aquí, da Coruña. Tras coñecerse no instituto e ter tocado en varios grupos, tiñan pensado montar un grupo Punkarra, mais finalmente tiraron cara o metal tipo Bullet For My Valentine, A7X, Lamb of God, ...
Actuarán ás 11.00 h no escenario dos Cantóns, e ás 09.40 h no de 4 Camiños


Share:

6 de abr. de 2013

Obradoiro de Saúde Musical (crónica)


Hoxe tivemos unha entretida e pedagóxica mañá de sábado, onde os asistentes aprenderon coidados básicos a realizar durante a actividade musical para previr lesións.

A ponencia realizada polas logopedas Marisol Caamaño e Silvia Vázquez explicou perfectamente como funciona o noso aparato fonador, e que debemos facer para conservalo en óptimas condicións. Falouse, entre outras cousas, de diferentes xeitos de quencer a voz, ou como non forzala .
Seguiu José Luís Aristín, presidente do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, fixo unha amena e precisa exposición para insistir nas posturas adecuadas mentres se fai uso dos instrumentos musicais, asimilando o esforzo co que fai calquer deportista, e lembrando a importancia dun bo quendemento.
Para finalizar, María Luaces ilustrounos sobre a importancia de coidar o aparato auditivo, e como o típico pasotismo de non tomar medidas cando nos expoñemos a altas presións sonoras pode afectar á nosa vida. Chamou, e moito, a atención como se demostrou coa axuda dun sonómetro a cantidade de veces que na vida cotiá nos expoñemos a niveis perigosos de ruido.

Foron dúas horas e media de moita utilidade para todos/as os/as asistentes, que agardamos comecen a facer caso dos consellos destes 4 profesionais que, desde os Locais de Ensaio da Concellaría de Xuventude, aproveitamos unha vez máis para agradecerlles a súa implicación no evento.


Share:

25 de mar. de 2013

Obradoiro de Saúde Musical


O obradoiro de saúde musical nace como unha necesidade de achegar aos músicos da cidade consellos por parte de voces autorizadas para evitar futuras doenzas ou enfermidades debidas á actividade musical. Todo músico toca o seu instrumento porque ama a música, este evento está ideado para que esa relación dure o máximo posíbel, e non se curte prematuramente por non facer as cousas do xeito correcto.

Desde os Locais de Ensaio da Concellaría de Xuventude, queremos agradecer o apoio, fundamental neste evento, de Centro Gaes, o Colexio Profesional de Logopedas de Galicia, e o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, por colaborar nesta acción formativa. A prevención de perdas auditivas, tinnitus, nódulos nas cordas vocais, lumbalxias, artrites, contracturas e tendinites, entre outras lesións comúns no mundo da música, centrarán as ponencias a cargo de María Luaces, Silvia Vázquez, Marisol Caamaño e José Luís Aristín, respectivamente.

O obradoiro terá lugar na Sala O Túnel do Coliséum o sábado 6 de abril ás 11.00 h, tendo unha duración aproximada de 2 horas. Para poder asistir, unicamente compre cubrir o formulario de inscrición que atoparedes aquí, rematando o prazo de solicitude o venres 5 ás 21.00 h. Un e-mail á conta facilitada no formulario de inscrición confirmará a asistencia, sendo todo o proceso de balde.
Share:

Incrición obradoiros ou masterclasses

número de visitas

Participación e Innovación Democrática

Centro Municipal de Información Xuvenil do Concello da Coruña (CMIX)

Blog Archive