26 de dec. de 2016

Volume 6


Volume 6 é unha intensa mirada ao traballo realizado no noso estudio de gravación durante o 2016, logo de meses previos de ensaios. Unha escolma onde descubrir a 7 dos grupos usuarios dos Locais de Ensaio, onde atoparedes:

- O Rock sen miramentos de Harakiri, na que é a primeira canción editada do grupo
- A Breathing Loud, un dos grupos máis activos dentro dos Locais nos últimos anos, coa súa proposta punk-rock
- Un novo temazo por parte de Ingravity, grupo que dará moito do que falar nos vindeiros meses
- O resultado da primeira visita ao estudio de Reminders, como broche a un ano moi completo para esta nova banda
- Outro das novidades: Sala 5 e a súa visión do Pop, sempre co acordeón presente
- Unha incursión máis ao universo sonoro proposto pola xente que conforma ese fermoso proxecto musical chamado Senectud Sideral.
- O CD finaliza con Quetzal Riders, con quenes levamos traballando todo o ano nun EP que está a piques de ver a luz, sendo Monkey´s Wedding un saboroso aperitivo


Poderedes conseguir, de balde, as copias en CD do Volume 6 en todas as Bibliotecas Municipais, no Centro Municipal de Información Xuvenil, e nos propios Locais de Ensaio, nos seus respectivos horarios de apertura. Aproveitamos para desexarvos unhas felices festas, valoredes a opción de #RegalarMúsica (sobre todo nestas datas), e asistades a un bo número de eventos culturais.










Share:

10 de dec. de 2016

Distorsión Coruñenta


Distorsión Coruñenta, historia resumida do rock galego, é un obradoiro ideado para explicarlles aos grupos noveis de onde vén a escea musical galega (forxada durante as últimas 4 décadas), para saber mellor cara a onde ir. 


Comezarase falando de como irrumpiron Os Resentidos para esnaquizar tabús previos, e como a partir de ahí A Coruña se converteu nunha cidade referente cos Pioneiros Radio Océano, e logo os seguiron PapaqueixosDiplomáticos, ... na revolución do bravú. A partir de entón, a nómina de conxuntos non parou de medrar. Un corpus sonoro - realmente interesante e poucas veces estudado - que, afortunadamente non deixa de producir novas músicas.


Como poñente, contamos cunha das voces autorizadas para falar do tema. Xurxo Souto, ademais do seu coñecido traballo en grupos coma Os Diplomáticos de Monte Alto, ou Os Tres Trebóns, chegou a ser director de programación da Radio Galega, dando unha notoria visibilización a moitos grupos de rock galegos que atoparon un oco nas ondas para seren escoitados.



O obradoiro terá lugar na tarde do venres 16, na sala 9 do Centro Ágora. Para asistir, só debes cubrir e enviar o formulario que atoparás á dereita deste texto, antes do xoves 15 ás 21.00 h. As prazas son limitadas ao aforo da sala, tendo preferencia os/as usuarios/as actuais dos Locais de Ensaio, e despois os/as menores de 30 anos, aínda que pode solicitar asistencia toda a cidadanía

Share:

6 de dec. de 2016

Presentación Videoclip: Say My Name - Coolkids


Este venres, ás 21.30 h, na Sala 9 do Centro Ágora presentarase o primeiro videoclip producido desde os Locais de Ensaio do Concello da Coruña. Trátase do tema Coolkids, do grupo Say My Name, quenes accederon a este premio logo de resultaren o grupo máis votado polo público asistente ao VII Festival Solidario Coruña En Directo.

O videoclip foi rodado en varias localizacións do centro da cidade, a finais do verán, polo noso departamento audiovisual, actualmente a cargo de Rebeca Núñez Longueira.

O acceso á presentación farase por orde de chegada até cumplir o aforo da sala, estando prevista unha breve actuación en formato acústico por parte do grupo. O video publicarase na canle de Youtube dos Locais de Ensaio.
Share:

7 de nov. de 2016

Obradoiro: Como afianzar a túa identidade corporativa musical nas redes sociais



Como afianzar a túa identidade corporativa musical nas redes sociais é un obradoiro creado polo Departamento Audiovisual dos Locais de Ensaio para axudar a definir a imaxe do teu grupo, darlle coherencia a todas as publicacións en redes sociais, buscando que a xente os identifique e teñan unha sensación positiva do proxecto musical.

O darse conta da importancia das ferramentas que temos ao noso alcance, e utilizalas ao noso beneficio para facer crecer o noso proxecto musical é algo crucial se queremos crecer. Cunha cantidade de fans determinados podemos acreditar ante unha sala ou discográfica a nosa capacidade de mobilización. Non só é un número de persoas a quen lles gustamos, é unha especie de medida que podemos utilizar para intentar acadar novos obxectivos.

Nesta era dixital, onde calquera pode facerse coñecido cun video viral que circule pola rede, é imprescindíbel darse de conta da relevancia que podemos acadar. A busca e uso dunha tipografía, análise de artistas coñecidos aos que tomar como referentes, a necesidade da imaxe, xeitos eficientes de comunicación nas redes sociais, e uso de aplicacións como Canva ou Hootsuite serán algúns dos temas que se tratarán ao longo das 2 horas e media de duración do evento.

O obradoiro terá lugar o sábado 19, en horario de mañá, no Espazo de Iniciativas Xuvenís (r/ Matadoiro, 68). Para asistir, só debes cubrir e enviar o formulario que atoparás á dereita deste texto, antes do martes 15 ás 21.00 h. As prazas son limitadas ao aforo da sala, tendo preferencia os/as usuarios/as actuais dos Locais de Ensaio, e despois os/as menores de 30 anos, aínda que pode solicitar asistencia toda a cidadanía.




Share:

24 de out. de 2016

Obradoiro de guitarras custom (crónica)

O pasado venres tocaba aprender, da man de Fran Rodríguez, as eleccións que afectan (e como) ao son de cada guitarra. De arriba a abaixo, desde a pala á caixa, debullando as múltiples opcións que cada quen ten para ter un instrumento propio, que se adapte ao seu xeito de tocar, e ao son que precisa.



Tamén contamos coa presencia de Óscar Rosende, guitarrista en Brothers in Band, quen explicou as directrices que deu antes de encargar o seu instrumento para que fora fiel ao son de Knopfler. 


E xa para rematar, e logo de máis de 2 horas de explicacións, deuse opción aos asistentes de probar a diferencia entre varias guitarras fabricadas en Franfret.

Share:

13 de out. de 2016

Obradoiro de guitarras Custom



Aprende, da man de Fran Rodríguez, os conceptos importantes á hora de encargar unha guitarra custom, definir o teu son persoal modificando compoñentes, e manter en perfecto estado o teu instrumento. Experimentado luthier, con base de operacións en Franfret, o seu taller na Agra do Orzán, no que leva os últimos anos creando e arranxando guitarras e baixos. Ademais, é o técnico de guitarras do grupo coruñés tributo a Dire Straits, Brothers in Band, a quenes xa leva acompañando unhas cantas xiras europeas. Durante o evento, mostrará como cambia o son segundo a elección da madeira, tipo de guitarra, pastillas, os coidados básicos para ter sempre a punto a ferramenta de traballo de guitarristas e baixistas, ... e por suposto resolver todas as túas dúbidas sobre o tema.

O obradoiro terá lugar o vindeiro venres, 21 de outubro, no Espazo de Iniciativas Xuvenís (r/ Matadoiro, 68). Para asistir, só debes cubrir e enviar o formulario que atoparás á dereita deste texto, antes do xoves 20 ás 21.00 h. As prazas son limitadas ao aforo da sala, tendo preferencia os/as actuais usuarios/as dos Locais, e despois os/as menores de 30 anos, aínda que pode solicitar asistencia toda a cidadanía.




Share:

5 de out. de 2016

Listaxe provisional de admitidos para a quenda semestral outubro 2016 - marzo 2017

A continuación se publican as listaxes provisionais na solicitude de prazas para a quenda semestral de ensaios que comezará o 24 de outubro.
Unha vez publicada a listaxe provisional, ábrese un prazo de 10 días naturais, desde a publicación, para que os/as interesados/as podan presentar as alegacións que estimen convintes. Finalizado este prazo, publicarase a listaxe definitiva. Os grupos que consten con solicitudes incompletas poderán achegar a documentación requerida nun dos rexistros municipais en horario de 08.00 a 14.00 h (agás no de novo mesoiro, que abre ás 09.00 h), ou o sábado 8 de 09.00 a 13.00 h nos rexistros de María Pita ou do Fórum Metropolitano. Esta documentación tamén se poderá entregar de xeito telemático a través da Sede Electrónica. O prazo rematará, en ambos os casos, o venres 14 ás 14.00 h CET.

De existir algún grupo que, tendo presentado a súa solicitude en prazo, non aparezan aptos nesta listaxe, poderán porse en contacto cos Locais de Ensaio do Concello da Coruña no enderezo de e-mail locaisdensaio@gmail.com.


Todos os grupos que finalmente resulten aptos estarán convocados á xuntanza de adxudicación de horarios. Nela, como é costume, iranse repartindo todos os horarios dispoñibeis segundo a orde estipulada no noso regulamento interno, precisando a asistencia dun representante de cada grupo (no caso de non respostar no intre no que lle toque escoller horario, ese grupo irá por orde para a listaxe de agarda).
Share:

3 de out. de 2016

Festival Solidario Coruña En Directo (crónica)


Gran noite a do venres, onde máis de 250 persoas se achegaron á Sala O Túnel para arroupar aos 7 novos proxectos musicais participantes. Foi unha das edicións máis especiais, onde ademais de desfrutar da música e gañas que se lle puxeron enriba do escenario, conseguironse encher 8 caixas cheas de material escolar que van directamente para a ONG Equus Zebra e o seu proxecto "Agra Integra".
Fripp & Kitte mostraron a calidade das súas voces
Quetzal Riders encenderon a Sala O Túnel como adianto do seu inminente primeiro EP
Reminders seguen a completarse como grupo, desta vez estreaban baterista
Sala 5 demostraron que son un grupo distinto, e que chega para quedarse
Last Night Promise comezaron a súa andanza musical pisando moi forte

Breathing Loud son un clásico nestes festivais... e encantanos  o bo roio que transmiten!!
 Smog despediron esta edición coa adrenalina a tope, e ganas de máis

Queremos agradecer a boa acollida do evento, e o apoio tanto á causa solidaria como aos grupos por parte do público. Xa queda menos para a seguinte edición!!


Share:

24 de set. de 2016

X Festival Solidario Coruña En Directo


Cumprimos dez edicións do noso festival solidario, Coruña En Directo, na Sala O Túnel do Coliséum o vindeiro venres 30, xunto a 7 propostas musicais que defenderán co seu directo o traballo realizado nos ensaios dos últimos meses. Serán 3 os grupos que debuten nesta edición: Last Night Promise, Sala 5, e Smog. Ademais, contamos con 2 formacións que formaron parte da última edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, Fripp & Kitte e Reminders, xunto ao grupo con máis participacións neste formato de Festival Solidario, Breathing Loud, e os gañadores nas votacións do público da IX edición, Quetzal Riders.

O evento será a favor da labor educativa que a ONG Equus Zebra leva asumindo desde fai anos con xente en risco de exclusión social, polo que pedimos que no acceso se doen artigos de material escolar (cadernos, carpetas, estuches, bolígrafos, gomas, mochilas, ...) no acceso á sala de concertos.

Podes seguir as novidades do festival nas nosas redes sociais (Facebook e Twitter), e co Hashtag #EnDirectoX

As invitacións estarán dispoñibeis (a partires do luns 26) no Centro Municipal de Información Xuvenil do Fórum Metropolitano, nos propios Locais de Ensaio e, o día do concerto, no acceso á Sala O Túnel desde o intre no que abramos as portas (19.30 h).


Share:

16 de set. de 2016

Novo prazo de inscrición


Ábrese un novo prazo de inscrición para optar a unha das 48 prazas de ensaios dispoñibeis para os vindeiros 6 meses. De vos interesar, deberedes presentar o formulario de inscrición, xunto á documentación requerida, ben nun dos Rexistros Municipais (Pazo de María Pita, Fórum Metropolitano, Centro Ágora, Cidade Deportiva de Riazor, ou Centro Cívico de Novo Mesoiro*) de luns a venres** en horario de 08.00 a 14.00 h, ou ben de xeito telemático mediante a Sede Electrónica. As inscricións deberán adxuntar:

- Solicitude debidamente cuberta
- Fotocopia do DNI de todas as persoas integrantes do grupo
- Certificado de Empadroamento no Concello da Coruña, con data de 2016, ou ben matrícula nun centro educativo da cidade para o curso 2016/17 de, alo menos, o 50% dos/as integrantes do grupo

- Permiso do pai, nai, ou responsábel legal de todas as persoas menores de 18 anos, asinado e acompañado pola fotocopia do DNI da persoa que dá o permiso

Como atoparás nas bases de convocatoria, os únicos requisitos para acceder aos ensaios son:

- Que, alo menos, a metade do grupo sexa menor de 30 anos
- Que, alo menos, a metade do grupo certifique vivir actualmente na Coruña, ou ben curse estudos actualmente nun centro educativo da cidade

O periodo de inscrición comprende desde o venres 16, até o venres 30 de setembro ás 14.00 h CET. As solicitudes recibidas logo dese intre tramitaranse unha vez comezada a nova quenda de ensaios, formando eses grupos a listaxe de agarda por orde de recepción das solicitudes.

Os novos horarios darán comezo o luns 24 de outubro. A listaxe provisional publicarase o 5 de outubro, dando pé a un prazo de reclamacións e de presentación de documentación requerida que rematará o venres 14 de outubro ás 14.00 CET. O xoves 20 presentarase a listaxe definitiva de admitidos, convocando a (alo menos) un/unha representante de cada un deses grupos á xuntanza de adxudicación de horarios.

* O horario do Centro Cívico de Novo Mesoiro é de 09.00 a 13.00 h.
** Os rexistros de María Pita, e máis do Fórum Metropolitano, permiten entregar a documentación, tamén, os sábados en horario de 09.00 a 13.00 h.




Share:

6 de abr. de 2016

Listaxe provisional de admitidos para a quenda semestral abril-outubro 2016

A continuación se publican as listaxes provisionais na solicitude de prazas para a quenda semestral de ensaios que comezará o 25 de abril.


Unha vez publicada a listaxe provisional, ábrese un prazo de 10 días naturais, desde a publicación, para que os interesados podan presentar as alegacións que estimen convintes. Finalizado este prazo, publicarase a listaxe definitiva. Os grupos que consten con solicitudes incompletas poderán achegar a documentación requerida nos rexistros municipais en horario de 08.00 a 14.00 h (agás no de Novo Mesoiro, que abre ás 09.00 h), ou o sábado 9, de 09.00 a 13.00 h, nos rexistros de María Pita e do Fórum Metropolitano. Esta documentación tamén se poderá entregar de xeito telemático a través da sede electrónica. O prazo rematará, en ambos os casos, o venres 15, ás 14.00 h CET.

De existir algún grupo que, tendo presentado a súa solicitude en prazo, non aparezan aptos nesta listaxe, poderán porse en contacto cos Locais de Ensaio do Concello da Coruña  no e-mail: locaisdensaio@gmail.com

Todos os grupos que finalmente resulten aptos estarán convocados á xuntanza de adxudicación de horarios. Nela, como é costume, iranse repartindo todos os horarios dispoñibeis segundo a orde estipulada no noso regulamento interno, precisando un representante de cada grupo (no caso de non respostar no momento en que lle toque, ese grupo irá por orde para a listaxe de agarda).



Share:

22 de mar. de 2016

Obradoiro sobre a industria musical actual: marco para o desenvolvemento da carreira do artista


Logo da boa acollida do anterior obradoiro "
como conseguir concertos", seguimos a propor accións formativas que vos sirvan para afianzar o voso proxecto musical, tendo consciencia de como funciona este mundiño, o da música, tan característico. E para o seguinte obradoiro, contamos con Patricia Hermida, manager en Dotbeat, onde traballa actualmente con artistas do nivel de Agoraphobia, Heredeiros da Crus, Rosa Cedrón, ou Susana Seivane, entre outros. Como experta no campo, fará unha radiografía sobre os distintos axentes que se dan no eido profesional da música, dividindo as 4 horas de duración do relatorio en 3 bloques:

1.- A cadea de valor: cambios nos roles dos axentes (definición dos axentes existentes: discográfica, editorial, produtor, manager, distribuidora, booker, sociedades de xestión colectiva, social media, ...)
2.- Vías de financiamento e de ingresos
3.- O plan de carreira do artista

O evento terá lugar o sábado 2 de abril, ás 10.00 h, no Espazo de Iniciativas Xuvenís (r/ Matadoiro, 68). Para asistir, só debes cubrir e enviar o formulario de inscrición que atoparás á dereita deste texto, antes do venres 1 de abril ás 16.00 h. As prazas son limitadas ao aforo dispoñíbel, tendo preferencia (por orde de inscrición) os/as usuarios/as actuais dos Locais, e despois os menores de 30 anos, aínda que pode solicitar asistencia toda a cidadanía.




Share:

16 de mar. de 2016

Somos o que precisas (prazo de inscrición para a nova quenda semestral aberto)


É o momento de optar a unha das 48 prazas de ensaios que temos dispoñibles para os vindeiros 6 meses. De vos interesar, deberedes presentar o formulario de inscrición, xunto á documentación requerida, ben nos Rexistros Municipais (Pazo de María Pita, Fórum Metropolitano, Centro Ágora, Cidade Deportiva de Riazor ou Centro Cívico de Novo Mesoiro*) de luns a venres** en horario de 08.00 a 14.00 h, ou ben de xeito telemático mediante a sede electrónica do Concello. As inscricións deben adxuntar:

- Solicitude debidamente cuberta
- Fotocopia do DNI de todas as persoas integrantes do grupo
- Certificado de empadroamento no Concello da Coruña, con data de 2016, ou ben matrícula nun centro educativo da cidade correspondente ao curso 2015/16, de, alo menos, o 50% dos/as integrantes do grupo
- Permiso do pai, nai ou responsable legal de todas as persoas menores de 18 anos, asinado e acompañado pola dotocopia do DNI da persoa que dá o permiso

Como se pode atopar nas bases da convocatoria, os únicos requisitos para acceder aos ensaios son:

- Que, alo menos, a metade do grupo sexa menor de 30 anos
- Que, alo menos, a metade do grupo certifique vivir actualmente na Coruña, ou ben cursas estudos no presente curso nun centro educativo da cidade

O periodo de inscrición comprenderá desde o xoves 17 de marzo, até o venres 1 de abril ás 14.00 h CET. As solicitudes recibidas logo dese intre tramitaranse unha vez comezada a nova quenda de ensaios, formando eses grupos a listaxe de agarda por orde de recepción das solicitudes.

Os novos horarios darán comezo o 25 de abril. O 6 de abril publicarase a listaxe provisional de admitidos, dando pé a un prazo de reclamacións e de presentación da documentación requerida que rematará o venres 15 de abril ás 14.00 h CET. O mércores 20 de abril presentarase a listaxe definitiva de admitidos, e convocarase a un representante de cada un deses grupos para a xuntanza de adxudicación de horarios.
*O horario do Centro Cívico de Novo Mesoiro é de 09.00 a 14.00 h.
** Os rexistros de María Pita, e máis do Fórum Metropolitano, permiten entregar a documentación, ademais, os sábados en horario de 09.00 a 13.00 h.



Share:

4 de mar. de 2016

Como conseguir concertos


Montas un grupo, comezas a ensaiar, (se cadra) vas a clases, comezas a compoñer, a dar algún concerto... e agora que?? Desde os Locais de Ensaio, imos propoñer dúas accións formativas nas vindeiras datas para comprender mellor o mundiño da música hoxe en día, e como sacarlle o maior rendemento ao teu proxecto musical.

A primeira será o sábado 12, ás 11.00 h, no Espazo de Iniciativas Xuvenís (r/ Matadoiro, 68). Tomi Legido (programador da Sala Mardi Gras) voltará a explicarnos, logo do exitoso obradoiro de fai 2 anos, Como conseguir concertos. Trataranse temas como:

- A importancia na definición e obxectivos da banda
- Relación cos seguidores da banda
- Relación co "mercado musical"
- Optimización dos custos do proxecto
- Erros que non se poden cometer, se queredes que vos tomen en serio

Para asistir, só debes enviar o formulario de inscrición aos obradoiros que atoparás á dereita deste texto, antes do venres 11 ás 16.00 h. As prazas son limitadas ao aforo dispoñíbel, tendo preferencia (por orde de inscrición) os/as usuarios/as actuais dos Locais, e despois os menores de 30 anos, aínda que pode solicitar asistencia toda a cidadanía.
Share:

1 de feb. de 2016

Festival Solidario Coruña En Directo IX (Crónica)


O pasado venres tivemos unha nova edición no noso festival solidario. Eran 6 grupos (todos usuarios dos Locais de Ensaio) os que subían ao escenario do Centro Ágora, entre os cales as novidades deste cartaz, Quetzal Riders e Jack Fripp, quenes deixaron unha boa imaxe, xunto aos xa clásicos Beards & Beers, Us in the Mirror, Breathing Loud e Harakiri.
Como sorpresa, nesta edición cada grupo tiña preparada unha intro audiovisual ao seu concerto, aproveitando a pantalla de proxección do auditorio. Tamén se proxectaron os nomes de cada grupo durante a súa actuación, e videos da nosa canle de Youtube para amenizar os cambios de grupo.
As doazóns realizadas polo público conseguiron encher todos os continentes facilitados pola ONG Equus Zebra. Por todo isto, queremos agradecer a todas as persoas que se achegaron a descubrir (e mesmo alentar) aos grupos participantes, e colaborar coa causa solidaria.

Beards & Beers

Quetzal Riders

Jack Fripp

Us in the Mirror

Breathing Loud

Harakiri
Parabéns a Ángela, quen gañou o abono dobre para o Festival V de Valarés, e aos Quetzal Riders, quenes recibiron máis votos e poderán escoller entre as 2 opcións de premio que teñen á súa disposición (gravación dun EP, ou dun videoclip con rodaxe en exteriores).

Share:

21 de xan. de 2016

IX Festival Solidario Coruña En Directo


A nova edición do festival dos grupos usuarios dos Locais de Ensaio do Concello da Coruña terá lugar no Centro Ágora, o venres 29 de xaneiro. Nel participarán grupos xa asiduos a este formato, como Beards & Beers, Breathing Loud (ambos con cambios de formación) ou Us in the Mirror (sempre logran sorprender), Harakiri (quenes debutaron na anterior edición, e desde aquela non paran de crecer coma grupo), e dúas novas formacións: Quetzal Riders (xuventude e talento a partes iguais), e Jack Fripp (o primeiro grupo de un integrante que participa nun festival dos Locais).

Podes recoller a túa invitación, ben no Centro Municipal de Información Xuvenil (Fórum Metropolitano), ou nos propios Locais de Ensaio (Coliséum). No caso de todavía quedar convites o día do concerto, poderanse retirar no acceso ao Ágora.

Para desfrutar dos concertos, coa invitación deberás entregar no acceso á sala un mínimo de 2 prendas de roupa a beneficio da labor da ONG Equus Zebra.

Podes seguir todas as novidades no facebook e o twitter dos Locais, así como no hashtag "EnDirectoIX".

ACTUALIZACIÓN:

Durante o festival terá lugar un concurso. O público deberá votar aos 3 grupos cuxas actuacións máis lle gustaran, e o grupo con máis votos gañará a posibilidade de gravar un EP, ou ben un videoclip con rodaxe en exteriores. Ao remate do festival, sortearase entre os/as asistentes ao evento un abono dobre para o festival V de Valarés, que terá lugar en Ponteceso os días 12, 13 e 14 de agosto.
Nesta ligazón facilitamos as condicións de participación. Moita sorte!!
Share:

Incrición obradoiros ou masterclasses

número de visitas

Participación e Innovación Democrática

Centro Municipal de Información Xuvenil do Concello da Coruña (CMIX)

Blog Archive