22 de mar. de 2016

Obradoiro sobre a industria musical actual: marco para o desenvolvemento da carreira do artista


Logo da boa acollida do anterior obradoiro "
como conseguir concertos", seguimos a propor accións formativas que vos sirvan para afianzar o voso proxecto musical, tendo consciencia de como funciona este mundiño, o da música, tan característico. E para o seguinte obradoiro, contamos con Patricia Hermida, manager en Dotbeat, onde traballa actualmente con artistas do nivel de Agoraphobia, Heredeiros da Crus, Rosa Cedrón, ou Susana Seivane, entre outros. Como experta no campo, fará unha radiografía sobre os distintos axentes que se dan no eido profesional da música, dividindo as 4 horas de duración do relatorio en 3 bloques:

1.- A cadea de valor: cambios nos roles dos axentes (definición dos axentes existentes: discográfica, editorial, produtor, manager, distribuidora, booker, sociedades de xestión colectiva, social media, ...)
2.- Vías de financiamento e de ingresos
3.- O plan de carreira do artista

O evento terá lugar o sábado 2 de abril, ás 10.00 h, no Espazo de Iniciativas Xuvenís (r/ Matadoiro, 68). Para asistir, só debes cubrir e enviar o formulario de inscrición que atoparás á dereita deste texto, antes do venres 1 de abril ás 16.00 h. As prazas son limitadas ao aforo dispoñíbel, tendo preferencia (por orde de inscrición) os/as usuarios/as actuais dos Locais, e despois os menores de 30 anos, aínda que pode solicitar asistencia toda a cidadanía.




Share:

16 de mar. de 2016

Somos o que precisas (prazo de inscrición para a nova quenda semestral aberto)


É o momento de optar a unha das 48 prazas de ensaios que temos dispoñibles para os vindeiros 6 meses. De vos interesar, deberedes presentar o formulario de inscrición, xunto á documentación requerida, ben nos Rexistros Municipais (Pazo de María Pita, Fórum Metropolitano, Centro Ágora, Cidade Deportiva de Riazor ou Centro Cívico de Novo Mesoiro*) de luns a venres** en horario de 08.00 a 14.00 h, ou ben de xeito telemático mediante a sede electrónica do Concello. As inscricións deben adxuntar:

- Solicitude debidamente cuberta
- Fotocopia do DNI de todas as persoas integrantes do grupo
- Certificado de empadroamento no Concello da Coruña, con data de 2016, ou ben matrícula nun centro educativo da cidade correspondente ao curso 2015/16, de, alo menos, o 50% dos/as integrantes do grupo
- Permiso do pai, nai ou responsable legal de todas as persoas menores de 18 anos, asinado e acompañado pola dotocopia do DNI da persoa que dá o permiso

Como se pode atopar nas bases da convocatoria, os únicos requisitos para acceder aos ensaios son:

- Que, alo menos, a metade do grupo sexa menor de 30 anos
- Que, alo menos, a metade do grupo certifique vivir actualmente na Coruña, ou ben cursas estudos no presente curso nun centro educativo da cidade

O periodo de inscrición comprenderá desde o xoves 17 de marzo, até o venres 1 de abril ás 14.00 h CET. As solicitudes recibidas logo dese intre tramitaranse unha vez comezada a nova quenda de ensaios, formando eses grupos a listaxe de agarda por orde de recepción das solicitudes.

Os novos horarios darán comezo o 25 de abril. O 6 de abril publicarase a listaxe provisional de admitidos, dando pé a un prazo de reclamacións e de presentación da documentación requerida que rematará o venres 15 de abril ás 14.00 h CET. O mércores 20 de abril presentarase a listaxe definitiva de admitidos, e convocarase a un representante de cada un deses grupos para a xuntanza de adxudicación de horarios.
*O horario do Centro Cívico de Novo Mesoiro é de 09.00 a 14.00 h.
** Os rexistros de María Pita, e máis do Fórum Metropolitano, permiten entregar a documentación, ademais, os sábados en horario de 09.00 a 13.00 h.



Share:

4 de mar. de 2016

Como conseguir concertos


Montas un grupo, comezas a ensaiar, (se cadra) vas a clases, comezas a compoñer, a dar algún concerto... e agora que?? Desde os Locais de Ensaio, imos propoñer dúas accións formativas nas vindeiras datas para comprender mellor o mundiño da música hoxe en día, e como sacarlle o maior rendemento ao teu proxecto musical.

A primeira será o sábado 12, ás 11.00 h, no Espazo de Iniciativas Xuvenís (r/ Matadoiro, 68). Tomi Legido (programador da Sala Mardi Gras) voltará a explicarnos, logo do exitoso obradoiro de fai 2 anos, Como conseguir concertos. Trataranse temas como:

- A importancia na definición e obxectivos da banda
- Relación cos seguidores da banda
- Relación co "mercado musical"
- Optimización dos custos do proxecto
- Erros que non se poden cometer, se queredes que vos tomen en serio

Para asistir, só debes enviar o formulario de inscrición aos obradoiros que atoparás á dereita deste texto, antes do venres 11 ás 16.00 h. As prazas son limitadas ao aforo dispoñíbel, tendo preferencia (por orde de inscrición) os/as usuarios/as actuais dos Locais, e despois os menores de 30 anos, aínda que pode solicitar asistencia toda a cidadanía.
Share:

Incrición obradoiros ou masterclasses

número de visitas

Participación e Innovación Democrática

Centro Municipal de Información Xuvenil do Concello da Coruña (CMIX)

Blog Archive